Cada vez é menos o que resta deste antigo mosteiro feminino da orde benedictina que se mantivo en activo entre os séculos XI e XIII. Ubicado na parroquia de Mosteiro, no concello do Carballiño, foi habitado no pasado por unha pequena congregación de monxas benedictinas e dependente antigamente do mosteiro de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela.
A parte residencial, orixinalmente unida á igrexa, foi renovada integramente na época barroca, aínda que actualmente o seu estado é totalmente ruinoso. Así e todo é posible apreciar un patín exterior de acceso, unha garita circular nunha esquina, os balcóns e unha espectacular lareira rematada con pináculos.
A igrexa, de estilo románico, consta de unha única nave e unha porta lateral de acceso con arco apuntado e arquivoltas. O seu estado é moito mellor que o da outra parte aínda que non puiden vela por dentro.
Outra parte do noso patrimonio ao que non lle queda moito tempo! 

