Mosteiro de San Pedro de Rocas. O camiño do Monxe. Etapa 4. De Santo Estevo a Esgos. Ribeira Sacra. Galicia.

Ubicado no monte Barbeirón e rodeado de formacións rochosas das que tomou o seu nome, estamos ante unha edificación prerrománica que sorprende pola súa orixinalidade construtiva, pola beleza da súa localización e pola excepcional integración na natureza. Sobra dicir que os nosos ancestros souberon sacar proveito das formas naturais das rochas, esculpidas pola erosión, dando así lugar a tres capelas co chan atravesado por numerosos enterramentos antropomorfos. Pero tal vez sexa o campanario o punto máis emblemático deste recinto, cunha espadana que se ergue directamente sobre un gran penedo. E por último, o cemiterio parroquial anexo construído a finais do século XIX.
Este mosteiro está datado no século VI, aínda que probablemente se tratase dun lugar de culto xa con anterioridade. A súa dereita a Casa Prioral, un edificio de finais do século XVII que probablemente ocupe o solar onde estaba ubicado o mosteiro primitivo, que desapareceu ao ser destruído nun deses lumes. Esta edificación alberga hoxe en día un centro de interpretación da Ribeira Sacra, ao cal vos recomendo unha visitiña. Cunha exposición dividida en dúas prantas, achéganos aos oficios tradicionais da zona, á paisaxe e historia da Ribeira Sacra, e como non, á vida monacal no mosteiro.
San Pedro de Rocas foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1923. Ahí vos quedan unhas fotiños! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *