Xa fai un tempo que vos recomendei realizar o “Camiño Real de San Pedro de Rocas” PR-G4, unha ruta circular de 9 km e cunha duración estimada de dúas horas e media. Para os que non a fixestes aínda ou non tiverades a oportunidade de ver esa publicación, direivos que é un roteiro moi fermoso, de dificultade media-baixa e que pasa por este peculiar mosteiro.
E por que digo peculiar? Pois ben, este mosteiro, ubicado no monte Barbeirón e rodeado de formacións rochosas das que tomou o seu nome, é unha edificación prerrománica que sorprende pola súa orixinalidade constructiva, pola beleza da súa localización e pola excepcional integración na natureza.
E é que naqueles tempos souberon sacar proveito das formas naturais das rochas esculpidas pola erosión dando así forma a tres capelas co chan atravesado por numerosos enterramentos antropomorfos. Pero tal vez sexa o campanario o punto máis emblemático deste recinto, cunha espadana que se ergue directamente sobre unha gran rocha. E por último o cemiterio parroquial anexo construído a finais do século XIX.
Este mosteiro foi fundado xa no século VI por ascetas e pénsase que xa con anterioridade se trataba dun lugar de culto. Son varios os incendios importantes que sufriu ao longo da historia.
Se visitamos este conxunto en coche, o primeiro que veremos ao chegar é o que se coñece como Casa Prioral, un edificio de finais do século XVII que probablemente ocupe o solar onde estaba ubicado o mosteiro primitivo que desapareceu ao ser destruído nun deses lumes. Esta edificación alberga hoxe en día un centro de interpretación da Ribeira Sacra, ao cal vos recomedo unha visitiña. Cunha exposición dividida en dúas prantas, achéganos aos oficios tradicionais da zona, á paisaxe e historia da Ribeira Sacra, e como non, á vida monacal no mosteiro.
San Pedro de Rocas foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1923.














