Hoxe vouvos presentar outra xoia do románico á que cheguei practicamente de casualidade.
Cunha igrexa dunha soa nave que esconde tras un inusual pórtico unha impresionante portada románica entre outros tesouros, unha torre de orixe defensiva readaptada como campanario e un cruceiro cunha inscripción que o data de 1603, temos un conxunto digno de ser visitado.
No exterior da igrexa non nos serán indiferentes os seus capiteis e canecillos variados con temas vexetais e animais. E xa no seu interior, na súa portada románica destacan especialmente dúas figuras humanas; a un lado un músico tocando a viola e ao outro lado un acróbata colléndose os pés. Tamén son merecedoras de atención as súas pinturas murais e retablos.
Como curiosidade direivos que este antigo mosteiro foi rexido por abadesas, mulleres con exercicio do poder público e económico na Galicia Medieval.
Paga a pena pararse na praza do pobo así como adentrarse polas súas rúas e descubrir un pouco máis da arquitectura tradicional galega.
Ollo se está o cabalo á espreita que morde 
















