Ao pé do monte Barona e moi preto das augas do río Sil, podemos apreciar o que resta desta xoia oculta entre carballos e castiñeiros, remanso de paz para os monxes tempos atrás e para os visitantes hoxe en día. E se o outro día vos confesaba que o meu miradoiro favorito é o de Vilouxe, se me teño que quedar cun mosteiro, sen dúbida algunha sería este.
De orixe eremítica documentada xa no século IX, foi un dos mosteiros máis importantes da Idade Media, comezando a súa decadencia coa reforma monástica do século XV e desaparecendo coma abadía a principios do XVI, para convertirse en priorado do mosteiro de Santo Estevo. Isto fixo posible a reconstrución do claustro e a decoración das ábsidas da igrexa con pinturas con imaxes de varios santos e santas. Na desamortización pasa a mans particulares converténdose en granxa de labor.
A súa igrexa pertence ao século XII-XIII, sendo considerada un dos mellores expoñentes do románico rural galego. Destaca tamén da época románica o arco que dá acceso ao claustro e á torre campanario. A miña recomendación? Visitádeo sen présa, percorrede cada un dos seus recunchos, mirádeo e remirádeo e impregnádevos da natureza que o rodea. Ten algo que o fai especial! 

