Mosteiro de Santa María de Sobrado. Concello de Sobrado.

Recentemente falábavos dos tesouros que agocha este concello, entre os cales se atopa o seu mosteiro. Fundado no século X polos condes de Présaras, foi denominado como de San Salvador no seu inicio. Tamén foi o primeiro en incorporarse á Orde do Císter na Península Ibérica e, aínda que iso lle outorgou unha grande relevancia, non foi alleo ás idas e vidas da historia de Galicia e España.
Coma moitos outros queda abandonado no século XIX ata acadar un estado totalmente ruínoso, no cal se mantivo ata que no ano 1954 comezan a levarse a cabo obras para a súa restauración, e no 1966 cobra vida de novo cunha Comunidade Cistercense de Cantabria.
Hoxe en día habitan entre as súas paredes un total de quince monxes. A especialidade da casa é polo visto o doce de leite, elaborado polos propios monxes coa leite que producen as vacas de raza frisona coas que conta o mosteiro na súa granxa dende fai moitos anos. Está á venda na propia tenda do mosteiro. E polo que puiden ler, tamén venden leite en cru que pasa unicamente polo proceso de refrixeración en tanque en frío, de cara a súa conservación.
É posible visitar este monumento tanto de xeito libre coma con guía, iso sí, consultade os horarios antes de ir. Espero que vos guste! 🤗

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *