Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes. Concello de Sobrado.

Seguro que sodes moitos os que xa coñecedes esta xoia, que eu xa tamén visitara anos atrás. Pero é ben certo que cada vez que volto a un sitio, acabo facendo novas descobertas, e desta vez non ía ser menos.
Dicir do mosteiro, que aínda que foi fundado no ano 952, é a capela de San Xoán Bautista a de maior antigüidade que se conserva a día de hoxe, xa que o resto sufriu grandes remodelacións ao longo do tempo. Conta con tres claustros, un dos cales non é visitable, xa que é de uso exclusivo pola comunidade de 15 monxes que habita hoxe en día aló.
O que eu non sabía, é que foran precisamente os monxes deste mosteiro os que construíron entre os anos 1500 e 1530 unha lagoa de nada menos ca 10 hectáreas, co obxetivo de levar auga ás cociñas, regar os prados, mover os seus muíños e, como non, á pesca. Aínda a día de hoxe a festa gastronómica por excelencia deste concello é a Feira da Troita. Eu troitas non vin ningunha, pero nenúfares hai a moreas. Podedes pasear pola súa beira a través dunhas pasarelas de madeira.
E falando de pasear e tamén á beira do mosteiro, é máis que recomendable a visita á Carballeira da Casa do Gado, escenario de moitas secuencias da película “El Bosque Animado” e que conta co segundo carballo máis antigo de Galicia. Tamén co Pazo da Casa do Gado, que aínda que é privado dá para ver a súa magnitude dende o exterior.
E a tan só uns quilómetros, está o campamento romano de A Ciadella, de visita libre e gratuíta.
Como vedes, este concello non dá para aburrirse. Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *