A fundación deste mosteiro remóntase ao século VI, sendo atribuída a San Martiño de Dumio, aínda que o seu maior esplendor chegará no século X, convertíndose no mosteiro benedictino máis importante da Ribeira Sacra. A súa impoñente fábrica, asomada ao canón, fai alarde de tres magníficos claustros aos que accederemos a través dunha fachada reconstruída no século XVI-XVII.
O máis antigo deles, o claustro dos Bispos Santos, combina na súa construción unha etapa románica na parte inferior e unha gótico tardía na superior. No centro albergaba a fonte que hoxe en día vemos na praza do Ferro, na cidade de Ourense. O seu nome fai referencia aos nove bispos que se despediron dos luxos das súas cátedras bispais para retirarse aquí até o fin dos seus días. Deixaron pegada no escudo da casa, no que se reflexan as súas nove mitras, e dise que os seus aneis contaban con propiedades milagrosas. Estes estaban desaparecidos até o ano 2020, cando foron atopados 4 dos 9 durante un traballo de restauración dos retablos relicarios da igrexa.
O claustro dos cabaleiros é o máis grande dos tres e a súa construción levouse a cabo durante unha ampliación na época renacentista. E o claustro do Viveiro é o de menor tamaño que, recollido e intimista, convida á reflexión interior.
Este mosteiro foi reconvertido en Parador no ano 2004. Aínda así, é posible a visita gratuíta dos tres claustros, dos antigos fornos e do fermoso bosque aos que se accede a través da cafetaría. Da igrexa falareivos noutra publicación porque hai moooito que contar. Espero que vos guste! 

