Mosteiro de Trandeiras

Situado a poucos quilómetros de Xinzo de Limia e moi preto da Torre de Pena, este gran descoñecido conta cun encanto inigualable. Con unha extensión de 1800 metros cadrados, foi fundado no ano 1520 polo prior de Xunqueira de Ambía e converteuse en fogar de monxes franciscanos dende o seu inicio até o seu abandono.
En 1668 sufriu un primeiro lume que obrigou a súa reconstrucción. Séculos máis tarde, en tempos da Revolución Francesa, foi refuxio de moitos curas e bispos franceses e no ano 1809, durante a Guerra da Independencia, as tropas francesas destruíron a igrexa e executaron a sacerdotes e frades. En 1813, outro lume acabou cos cuartos, cociña e claustro levando ao abandono definitivo de tal lugar.
Aínda en estado ruínoso, pódese apreciar a beleza do que resta das súas dependencias, o espectacular claustro, os seus parladoiros, o bosque no que se atopa inmerso co seu estanque, a pía, a fonte e o sistema de canalización da auga sobre a pedra, tallada a man. Paga a pena o esforzo de subir entre as árbores para contemplar as vistas que nos ofrece dende a cima, coa torre de Pena ao lonxe.
Hoxe en día, a Igrexa, en bo estado de conservación, segue en uso para servizos de culto aínda que permanece pechada fóra dos mesmos. O que resta do mosteiro, ata fai pouco podíase visitar libremente pero agora mesmo estanse levando a cabo obras de conservación nel co cal a súa visita está restrinxida.
Tocará esperar para ver o resultado!❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *