Xa fai un tempo compartín con vós unhas imaxes do que resta deste impresionante mosteiro, antes de que se levaran a cabo no mesmo as últimas actuacións para a súa mellor conservación. Pois ben, hoxe vouvos amosar o resultado.
Datado de 1520, foi a orde de San Francisco a que se estableceu no mesmo no ano 1523. A nivel arquitectónico poderíase dicir que é atípico en canto ás regras monásticas convencionais. As obras foron executadas polo mestre canteiro Bartolomeu Nosendo, autor tamén da sacristía da Colexiata de Xunqueira de Ambía e da igrexa de Santo Estevo de Sandiás. A nivel artístico é ao mestre Cornelis de Holanda a quen debemos as tallas de Santa Catalina e a imaxe da Dormición da Virxe.
No ano 1668, o mosteiro sufriu un gran incendio procedéndose a súa reconstrucción nos séculos XVII e XVIII. Pero no ano 1813, outro incendio arrasa cos dormitorios, cociña, claustro e pertenzas dos monxes franciscanos. A guerra da Independencia, a exclaustración e a venda do mosteiro a particulares provocaron o seu abandono definitivo.
Recoméndovos xunto a súa visita, darvos un paseo polo pobo de Trandeiras e tamén achegarvos ata a Torre de Pena, da que vos falarei nunha próxima publicación. Espero que vos guste! 

