Noia. Provincia de A Coruña

Esta poboación con pouco máis de 14000 habitantes e situada moi preto de Santiago de Compostela, conta cun encanto especial.
Coido que son de obrigada visita as súas igrexas, a de Santa María A Nova, que disfrutará dunha entrada propia no futuro en Galiza de Cabo a Rabo por ser única; e a de San Martiño, unha verdadeira xoia con lenda incluída a conta da parte que lle queda “sen facer”.
Adiantarvos por se non o sabedes, que a de Santa María A Nova, do século XIV e con cemiterio incluído, conta co museo de laudas sepulcrais dos séculos XIV-XIX, así coma cun cruceiro gótico e baldaquino do século XVI.
Perderse nas rúas do seu casco vello, ir descubrindo casas de nobres e pazo, cruceiros, o Hospital de Adentro e outros moitos edificios históricos cos que conta e, de repente, aparecermos en fermosas prazas, cada unha delas con beleza propia, é algo que non vos podedes perder.
Se a climatoloxía vos acompaña, recoméndovos estirar as pernas polo paseo marítimo ou un picnic na alameda. Ollo coas gaivotas 🤣🤣🤣.
Nas súas cercanías tedes a Ponte Nafonso e a Central Hidroeléctrica do Tambre, de 1932 e proxectada por Antonio Palacios. Dende alí podedes coller un pequeno sendeiro e pasar a través da ponte colgante que está a beira da central.
Espero que o disfrutedes tanto coma min ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *