Agochado entre os tesouros das rías baixas, na finca do Frendoal, temos este recunchiño cheo de encanto que parece tirado dun conto de fadas. A súa orixe remóntase aos condes de Canalejas, grandes terratenentes da zona e donos desta propiedade coñecida tamén coma Casa Torre de Aldán, que contaba cun terreo de considerables dimensións empregado polos propios condes, familiares e amigos para a caza e outras actividades recreativas.
Ubicado no quilómetro 109 da PO-315 dirección Cangas a Bueu, foi esta estrada a culpable de que a finca quedara dividida en dúas partes, unha das cales, na que non se atopa o pazo obviamente, foi doada ao concello.
No seu interior podemos ver o inacabado castelo do Frendoal, dos anos 60, un antigo e impresionante acueducto de mampostería tamén coñecido coma o arco da Condesa ou arco dos Mouros e que hoxe en día perdeu totalmente a súa funcionalidade orixinal, un mesto bosque entre o que destaca pola súa impoñente envergadura un eucalipto e algún que outro muíño en estado ruínoso a beira do río Orxas.
Lugar idóneo para un pequeno paseo con nenos ou amigos peludos se se está pola zona, así coma para os amantes da fotografía.

