O camiño da Geira e dos Arrieiros – Tramo Ribadavia – Pazos de Arenteiro

Sendo o concello máis pequeno da provincia de Ourense, o seu patrimonio non vai en absoluto acorde coa súa superficie. Ubicado na comarca do Ribeiro, dominan a súa paisaxe extensos campos de vides rodeados de relevos montañosos, os cales propician o clima adecuado para o seu cultivo.
Hoxe vouvos falar exclusivamente da parte de Beade pola que pasa este camiño da Geira e dos Arrieiros, pero cónstame que ten aínda máis para amosar.
En Beade estivo establecida unha das encomendas que a orde militar de San Xoán de Xerusalén tivo en Galicia. O edificio relixioso de maior importancia é a igrexa de Santa María, con restos do románico, aínda que sendo os do Renacemento e o Barroco os maiormente conservados. Á dereita da igrexa pódese ver o arco de entrada da sede da Encomenda, construído a principios do século XVI e presidido por tres escudos de pedra e actualmente en ruínas.
Diante do templo consérvase tamén un cruceiro coroado por unha Cruz de Malta e, nas súas inmediacións, un viacrucis que dende a igrexa de Santa María, se dirixe á capela de San Roque, á esquerda da cal podemos apreciar un magnífico exemplar de Calvario con tres cruceiros do século XVIII, ubicados no alto dunhas escaleiras, e outro cruceiro baixo unha cuberta á esquerda do mesmo.
Ao noso paso por Beade tamén descubriremos a Capela da Misericordia, unha fermosa praza central rodeada de impoñentes casas, o Pazo da Pateira e estreitas rúas nas que recomendo adentrarse e prestar especial atención a cada pequeno detalle.
Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *