O camiño da Geira e dos Arrieiros – Cortegada – Ribadavia – Pazos de Arenteiro

O camiño da Geira e dos Arrieiros adéntranos no casco vello de Ribadavia pola “Porta Falsa” da antiga muralla. Dende a praza da Magdalena desfrutaremos dunhas magníficas vistas antes de continuar cara a Igrexa de Santa María Magdalena e o barrio xudeu. Descendemos en dirección á espectacular Igrexa de Santiago, do século XII-XIII, a máis antiga da vila.
Á beira da mesma atópase o museo etnolóxico onde poderedes saber máis sobre a forma de vida da xente de Galicia e das súas tradicións. A entrada é gratuíta e o horario actual é de martes a sábado de 10 a 16 horas.
Un pouco máis abaixo a Casa da Santa Inquisición, construída no século XVI e cunha porta en arco sobre a que se inscriben os escudos nobiliarios das familias locais ligadas á Insiquisición.
Deixaremos esta fermosa vila da man das augas do río Avia e coa panorámica das mesmas dende a praia fluvial da Veronza.
Aínda que o camiño non pasa por estes puntos dos que vos vou falar a continuación, sí considero que é máis do que obrigatoria a súa visita, e non supón unha grande distancia a sumar á etapa.
Na cima da vila podemos apreciar o conxunto monumental de Santo Domingo, unha auténtica xoia gótica, ao carón do Santuario da Nosa Señora do Portal. Baixando cara o casco vello o impresionante Castelo dos Sarmiento e, xa na Praza Maior, podemos contemplar o Palacio dos Condes (onde fixaron a súa residencia os Condes de Ribadavia a partir do século XVII deixando abandonado o Castelo) e a Torre do Concello, así coma os soportais presentes en diferentes prazas e rúas que reflexan a riqueza da zona xa no século XVI.
Tamén teremos unha interesante panorámica da vila dende a Igrexa de San Antón, ao outro lado do río.
Ribadavia é historia, beleza e paisaxe e cada minuto empregado en coñecela é o mellor invertido! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *