Cuns 19 quilómetros de lonxitude, este tramo conxuga á perfección un abundante patrimonio cultural e histórico, fermosas estampas de viñedos e un enfeitizante bosque autóctono.
Partindo do casco histórico de Ribadavia, poderemos apreciar a beleza das augas do río Avia na praia fluvial de A Veronza, augas que acompañaremos ata San Cristovo, que nos sorprenderá coa súa Igrexa de orixe románico, así coma o que resta das casas señoriais anexas á mesma. A través de camiños entre vides alcanzamos Beade, que conta con varias xoias concentradas na súa pequena superficie; a capela da Misericordia, o Pazo da Pateira, un espectacular calvario e a impresionante Igrexa de Santa María de Beade.
Continuando cara Berán atopamos a igrexa barroca de San Breixo, desprazándonos uns metros do noso percorrido, e xa en ruta novamente, podemos apreciar a beleza das súas casas señoriais e a capela de San Roque. Dende aquí, deixando atrás Lebosende, adentrámonos nun engaliolante bosque autóctono que, a través da aldea abandonada de Viñoá, nos deixará á entrada de Pazos de Arenteiro. Como alternativa a estes últimos quilómetros, pódese ir tamén pola estrada e desfrutar da singular Ponte da Cruz.
Este tramo está bastante ben sinalizado e o camiño atópase en perfectas condicións. O perfil conta con dúas subidiñas, unha pequena e suave e a outra paulatina pero mantida ao longo dun par de quilómetros aproximadamente. Nada que non se supere cun pouquiño de paciencia!

























