Os petos de ánimas.
Os petos de ánimas son unha expresión material do culto aos mortos e da devoción das ánimas. Segundo as investigacións, estas expresións xorden a partir do século XVI, xunto coa idea do purgatorio, lugar no que os mortos aínda tiñan a opción de salvarse. A finalidade destes elementos populares, é a de ofrecer diversas ofrendas ás ánimas que aló se atopan, para que alcancen a felicidade no ceo e poidan interceder por quen fixo a ofrenda no futuro. Ao longo desta etapa captarán a nosa atención, entre outros, o de Rabiño, o de Meréns e o de A Reza.
O peto de ánimas de Rabiño conta cun autorrelevo policromado de madeira onde preside a escea a imaxe de San Francisco, que tende con ambas mans o cordón ás ánimas, dispostas en simetría entre as chamas purificadoras. Ten a consideración de Ben de Interese Cultural.
O peto de ánimas de Meréns, construído en granito e anexo a un muro, acolle a figura de Santo Antonio que aparece portando ao Neno en brazos deitado sobre almofadas. Nun plano inferior, as ánimas con rostros idealizados entre as chamas do purgatorio. O conxunto escultórico aínda conserva restos de policromía. Está datado do século XIX, concretamente do ano 1804, e ten consideración tamén de Ben de Interese Cultural.
E o peto de ánimas de A Reza, datado tamén do século XIX, que conta coa singularidade de estar composto por catro corpos superpostos, sendo no terceiro no que recae o peso figurativo do monumento, cun relevo policromado de Cristo no Calvario.
Espero que vos gusten! 🧐
O camiño da Geira e dos Arrieiros – Tramo de Cortegada a Ribadavia










