Como vos dicía onte, este camiño divídese en dez etapas, pero cada etapa a súa vez pode dividirse en dous ou tres tramos. Entre que os días son curtos a esta altura do ano, que pretendo facelo no tempo libre que vaia sacando e que me gusta disfrutar de cada metro do camiño, resolvín dividilo en 14 tramos en total. Ah, e tampouco esperedes que sexa publicado por orde, para variar
.
Esta etapa na que me saíron pouco máis de 16km, con algún pequeno desvío para visitar cousiñas próximas, comeza na vila de Cortegada, na que ademáis da arquitectura tradicional patente nas súas rúas máis antigas, podemos desfrutar dunha fermosa panorámica do río Miño e da Igrexa de Santa María de Cortegada.
O noso camiño levaranos pola aldea de Rabiño, onde nos sorprenderá un impresionante peto de ánimas, un lavadoiro antigo e a Igrexa de San Bieito e o seu Humilladoiro do século XVI, que alberga un cruceiro no seu interior.
Será en Meréns onde voltaremos disfrutar das vistas sobre o río Miño mentras descubrimos o escudo máis grande de Galicia, na casa dos Condes de Ximonde, e tamén un fermoso peto de ánimas diante da mesma.
E pegadiños ao río Miño, atravesaremos o Arnoia á altura da súa desembocadura, perfectamente visible dende un mirador perto do cal se atopa a Capela da Nosa Señora do Perpetuo Socorro.
En A Reza, outro lavadoiro antigo e un peculiar peto de ánimas captarán a nosa atención mentras voltamos ás beiras do río Miño para finalmente atravesalo en dirección a Ribadavia, onde deixando atrás as augas do Avia, nos adentraremos no seu espectacular casco histórico.
Ao longo da semana farei unha descripción máis pormenorizada dalgúns puntos deste percorrido
.
Este tramo conta cunha pequena subida inicial, seguida dunha suave baixada, que darán paso a un camiño sen practicamente desnivel nin dificultade técnica algunha. Todo o camiño está en moi bo estado pero é imprescindible levar un apoio á hora de guiarse pois a sinalización non é adecuada.

























