O camiño da Geira e dos Arrieiros. De Braga a Santiago de Compostela.

Sodes moitos os que me preguntades por este camiño de Santiago, tan pouco coñecido aínda pero fermoso coma o que máis. E a miña resposta é sempre a mesma: non podería recomendarvos outro mellor! Cargadiño de historia de principio a fin, xa que une a antiga vía Nova romana (tamén coñecida coma vía XVIII e que ía dende Braga a Astorga) co camiño polo que os arrieiros transportaban, entre outras mercadorías, o viño do Ribeiro cara Santiago de Compostela.
E se de historia vai ben, direivos que as paisaxes tamén son para deixarvos sen alento. Todo o esplendor e exuberancia do Parque Nacional Peneda-Gerês, as panorámicas e a grandeza do Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés, a tranquilidade das ribeiras do río Miño e os coloridos campos de vides do Ribeiro.
Oficialmente está distribuído en 10 etapas, cunha sinalización que obriga a levar algún tipo de apoio e un grao de esixencia física por veces considerable. Non abundan os lugares onde facer noite nin tampouco hai servizos de traslado de mochilas ou outras comodidades das que dispoñen camiños máis “famosos”. Pese a todo, prométovos que o esforzo paga a pena e que a experiencia é única!
Aquí vos deixo algunhas fotiños a ver se vos animades!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *