O camiño da Geira e dos Arrieiros. De Braga a Santiago de Compostela

Este camiño de 239 km de lonxitude aproximadamente, condúcenos dende Braga a Santiago dun xeito singular, xa que fai uso do trazado da antiga calzada romana que comunicaba Braga con Astorga e tamén das rutas dos arrieiros cara Santiago de Compostela.
Atravesa o Parque Nacional Peneda-Gerês en Portugal, e xa en Galicia continúa polo Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, pola comarca do Ribeiro onde cruza o río Miño, e despois de ascender os Montes do Testeiro entra na provincia de Pontevedra por Terra de Montes. Na Estrada cruza o río Ulla para completar os derradeiros quilómetros ata Compostela.
A súa execución a pé está repartida en 10 etapas, cada unha das cales a súa vez está dividida en dous ou tres tramos, co que o camiñante pode escoller a distancia que mellor se lle adapte en cada caso.
As dez etapas nas que se distribúe frecuentemente son:
Braga – Santiago de Caldelas
Santiago de Caldelas – Campo do Gerês
Campo do Gerês – Lobios
Lobios – Castro Laboreiro
Castro Laboreiro – Cortegada
Cortegada – Pazos de Arenteiro
Pazos de Arenteiro – Beariz
Beariz – Codeseda
Codeseda – Couso (Pontevea)
Couso (Pontevea) – Santiago de Compostela
Este camiño foi certificado pola Igrexa e Oficina do Peregrino en marzo do ano 2019, é un dos cinco camiños que entran directamente en Compostela, percorrido por máis de 6000 peregrinos dende o ano 2017. Non obstante, como punto en contra teño que advertir que é preciso levar algún tipo de apoio ou app para guiarse porque a súa sinalización é totalmente deficiente.
Mañá compartirei con vós a miña propia distribución deste camiño e o primeiro tramo que fixen nesta fin de semana. Ata entón, uns datos para que vos fagades unha idea do mesmo e un par de libros que me van axudar no meu camiño!
Acompañádesme? 🎒❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *