O camiño da Geira e dos Arrieiros – De Soutelo de Montes a Codeseda

Con 21 quilómetros de lonxitude, este tramo parte de Soutelo de Montes cara Codeseda, descubríndonos polo camiño aldeas como Acivedo, O Cachafeiro, Mámoa, Vilaboa e Portela para chegar ata o punto final.
Alternando tramos de asfalto e terra, desfrutaremos da fermosa panorámica das augas do río Cavelo e o seu muíño á altura da área recreativa da Freixeira, lugar idóneo para repoñer forzas nas súas longas mesas de merendas baixo o amparo dunha mesta carballeira. E cambiando as augas do río Cavelo polas do Lérez, iremos dar coa ponte de Gomail, unha das pontes de arco máis antigas desta zona (século XV) e unha engaiolante vista do río uns metros á dereita ao pasar a ponte.
Será a aldea de Mámoa a seguinte en captar a nosa atención, coas súas singulares casas e obras de arte nas zonas comúns. Da man de espectaculares carballeiras chegaremos á Capela da Virxe de Guadalupe e á Cruz da Grela. E continuando por pistas forestais alcanzamos Codeseda, punto final deste tramo e lugar máxico do que vos falarei na próxima etapa!
Todo o camiño está limpo aínda que en época de choivas hai un tramo que ten moita auga, polo que é imprescindible levar calzado adecuado. En canto á sinalización, como teño dito nas etapas anteriores, recomendo levar algún track de apoio para maior seguridade. Polo resto, de sacado a súa lonxitude, non vexo ningunha outra dificultade que sinalar salvo avisarvos de que ten un tramo de subida levadeira entre os quilómetros 9 e 13.
Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *