Aquí vos traio a miña primeira etapa dun roteiro que promete! Lineal e con pouco menos de 20 quilómetros de lonxitude, comparte percorrido con tramos da Vía Nova, da ruta das aldeas de Montederramo PR-G 266 e coa dos bosques máxicos de Castro Caldelas PR-G 213. Entre os seus maiores tesouros están o mosteiro de Santa María de Montederramo, o conxunto relixioso de Marrubio (único en Galicia), a capela da Nosa Señora das Neves, a igrexa de San Pedro do Burgo, a fonte mineromedicinal de Piñeira, o mosteiro de San Xoán de Camba e como non, Castro Caldelas con todos os seus atractivos.
Todo isto a través de fermosos e variados sendeiros, amplas panorámicas dos altos e prados cheos de vaquiñas. Ollo, que hoxe ata atopei un raposo! Carece de grandes desniveis e os camiños son bos pero… hai moitos tramos con moita auga! Moitos! Iso sí, facendo uso de algún prado colindante e exhibindo o meu bo equilibrio conseguín rematar cos pés secos! A sinalización tampouco é suficiente para seguir o roteiro, co cal hai que levar algún tipo de soporte sí ou sí. Coma sempre déixovos no Wikiloc e no Sports Tracker o meu track de ruta no perfil decaboarabo.
Ao longo dos vindeiros días ireivos contando algunhas curiosidades que non teñen desperdicio destes singulares lugares. Continuará… E con isto e un biscoito, atá mañá ás oito, que comeza a seguinte etapa! 

