Se na etapa 2 vos falaba de miradoiros e vistas incribles, xa vos adianto que esta non se queda atrás! Vou comezar dicindo que tedes no Wikiloc o meu track de ruta, e que difire lixeiramente nun par de detalles coa orixinal. Dende Parada de Sil, o camiño lévanos por orde aos miradoiros de Cotarro (novidade para min e totalmente recomendable), Cabezoás, o do Picotiño ou da Columna, Vilouxe (o meu favorito indiscutible do mundo mundial
), o das Escadas e o de Pé de Home. Pois ben, á dereita deste e a tan só uns metros hai unha alvariza e unhas magníficas vistas do canón; e á esquerda o miradoiro do banco, a uns 200 metros. Xa que estades aló e levades mellor calzado que o monxe con total certeza… eu pasaríame! 
A continuación coñeceremos Vilar de Cerreda, a fervenza de Gondrei, e muíños e sequeiros que nos achegan ao antigo acueducto do mosteiro, do cal vos falei fai unhas semanas e que pasa desapercibido se non sabedes que existe. Por iso, tamén queda reflexado no meu track, para que non vos perdades nadiña!
Continuaremos camiñando sobre o mesmo ata chegar ao maxestuoso mosteiro e igrexa. A visita ao seu interior queda para outra publicación!
O percorrido é de pouco máis de 22 quilómetros con estas lixeiras modificacións e coincide con tramos da ruta de Santa Cristina PR-G 98, o sendeiro transourensán GR-56 e o camiño da amargura. Excepto na primeira parte que hai unha subidiña un pouco prolongada, o resto da etapa é bastante levadeira. Os pormenores nos vindeiros días! Espero que vos guste! 

