O Camiño do Monxe. Etapa 4. De Santo Estevo a Esgos. Ribeira Sacra. Galicia.

Cuns 22 quilómetros de lonxitude, este roteiro achéganos a dous importantes mosteiros da Ribeira Sacra, o de Santo Estevo de Ribas de Sil e o de San Pedro de Rocas.
Polo medio descubriremos incribles miradores sobre antigos asentamentos, coma o dos Penedos do Castro. Tamén as aldeas de Pombar, con singulares elementos etnográficos e unha curiosa capela, ou a de Cortecadela, víctima da despoblación do rural de interior. No medio da nosa etapa a ermida da Virxe do Monte, remanso de paz e tranquilidade, e a seguir a aldea de Arcos, que a pesar das súas ruínas ten un encanto especial cos seus numerosos canastros, antigo lavadoiro e unha fermosa eira lousada. Como broche final, o espectacular peto de ánimas de Meiroá.
Todo isto da man de fermosos bosques autóctonos e un tramo considerable por camiños de eólicos que, vendo a parte positiva do mesmo, direi que son pistas boas de andar nas que o ascenso se fai máis levadeiro porque, sí meus queridiños, esta etapa conta cunha subida paulatina duns 11 quilómetros aproximadamente, a partir dos cales xa prima a baixada. Ollo coas pedras se están molladas que houbo quen xa afuciñou onte 🫣. Tranquilos que non me fixen dano, son coma os gatos, caio de pé, case 🤣.
Espero que vos guste! 😍

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *