Xa tempo atrás compartín con vós unha publicación sobre este “microestado”, ubicado na fronteira, e que conseguiu manter a súa independencia durante nada menos que uns 700 anos! Co fin de non repetirme, comparto o enlace á mesma para poñervos en contexto, caso non coñezades a historia. E voltando ao Camiño Privilexiado, chamábase así a un percorrido lineal que conectaba o Couto Mixto con Tourem (Portugal). E a razón? Pois que como o seu nome indica, contaba con certas peculiaridades coma o feito de estar exento de control policial, militar ou fiscal por parte de España e Portugal, a excepción de delitos de homicidio. Como imaxinaredes, os contrabandistas e fuxidos da xustiza viron literalmente a luz aquí!
Todo o camiño está limpo e ben sinalizado. É lineal e de pouco máis de 12 quilómetros de lonxitude se vos achegades ata o que resta do Castelo da Picoña (supón 1,2 quilómetros de diferencia). Dende o meu punto de vista paga a pena, pero mañá compartirei algunha información e fotos del para que o valoredes vós mesmos. Se non queredes facer o recorrido ida e volta, existe a opción de coller un taxi ou contactar coa empresa Aviva, xestionada por unha persoa igual de singular que marabillosa, amante da natureza e que, alén de trasladarvos dun punto ao outro, vos entreterá cos seus amplos coñecementos sobre a zona durante a viaxe! Espero que vos guste o roteiro! 

