O Couto Mixto

Cunha superficie duns 30km cadrados, este territorio formado polas poboacións de Santiago de Rubiás, Rubiás dos Mixtos e Meaus (pertencentes hoxe en día aos concellos de Baltar e Calvos de Randín, ao sur da provincia de Ourense) consolidouse como microestado independente de España e Portugal, dando lugar ao nacemento dunha República democrática coa súa propia organización política e privilexios fiscais e legais especiais.
Durante 700 anos, ata 1864 co Tratado de Lisboa, data na que este territorio foi incorporado a España, os habitantes destas terras podían escoller a nacionalidade que máis lles interesara (española, portuguesa ou a do Couto). Non podían ser arrestados nin dentro do Couto nin nunha legua arredor. Disfrutaban de liberdade de comercio e cultivos, estaban exentos de pagar tributos pola transacción de mercadorías entre España e Portugal e non aportaban soldados a ningún dos dous países contando con exención militar.
O pobo de Meaus era o centro comercial do Couto Mixto, como deixan ver aínda a día de hoxe as súas edificacións. Está catalogado patrimonialmente como núcleo singular.
Alén diso contaban cun “Camiño Privilexiado” duns seis quilómetros que conectaba o Couto Mixto coa localidade portuguesa de Tourem e que estaba exento de control policial, militar ou fiscal por parte de España e Portugal. Non se podía apresar a ninguén nesta vía excepto por delito de homicidio o que a converteu en asilo habitual para o contrabando e os perseguidos pola xustiza.
En canto ao seu propio goberno, cada un dos tres pobos estaba representado por unha persoa a que chamaban “o home de acordo”, que era elexido entre todos os veciños. E estes tres homes escollían cada tres anos ao “Xuíz”, representante executivo e xudicial do estado.
Toda a historia e documentación da concesión dos privilexios desta área atopábase na “Arca das Tres Chaves”, que só podían abrir os “homes de acordo” . Por desgraza toda esta documentación, xunto coa arca, foi queimada polas tropas napoleónicas en 1809. Existe a día de hoxe unha recreación da mesma aínda que cun fin diferente ao de tempos atrás.
Ademáis do “Camiño Privilexiado”, se queredes coñecer mellor o territorio do Couto Mixto, existe un roteiro de baixa dificultade, circular, de pouco menos de oito quilómetros, que vos levará polas rúas de Meaus, un tramo do “Camiño Privilexiado”, Santiago de Rubiás, San Paio e Tosende.
Recoméndovos encarecidamente unha visitiña por estas terras e que botedes a voar a vosa imaxinación tentando adiviñar como sería o día a día aló anos atrás! 😮❤️

One thought on “O Couto Mixto”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *