O encoro de As Conchas e as Termas Romanas

Fai uns días falábavos de todo o patrimonio que quedou asolagado coa construcción deste encoro, e tamén vos dicía que nas súas beiras podemos desfrutar da auga quentiña dunhas fermosas termas romanas relacionadas co asentamento que houbo nas súas proximidades.
En tempos, sobre estas mesmas termas ubicouse o balneario de Baños de Bande, mandado edificar no ano 1896 por don Isidro Pérez Paz, propietario do mesmo. No ano 1927, tras o seu falecemento, é seu fillo quen se fará cargo destas instalacións ata o seu peche definitivo. Adxúntovos unha antiga fotografía do balneario que nos deixa ver unha notoria edificación con pranta baixa, pranta alta, ático e outras construccións anexas á mesma.
Por aquel entón, a análise das súas augas mineromedicinais revelou que brotaban con un caudal de 132 litros por minuto, que tiñan unha considerable proporción de nitróxeno e unha temperatura de 46 grados. Fresca non está, como podedes ver!
Foi en 1949 cando rematou a historia deste lugar ao quedar dentro da cota inundable polas augas do encoro. A súa pedra foi vendida e hoxe en día non é máis ca un recordo.
Se queredes desfrutar das augas destas termas debedes ter en conta que non sempre están ao descuberto, dependerá do nivel do encoro nese momento. Son gratuítas e hai zona onde estacionar o vehículo xusto ao pé delas. E se ides, é de visita obrigada o Aquis Querquennis, situado a uns metros das termas, e tamén o seu centro de interpretación en caso de estar aberto.
Espero que vos gusten! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *