Situado na Enseada de San Simón, cun emprazamento pouco habitual en Galicia pois está á beira mesma do mar, ten un gran valor etnográfico tanto pola construcción en sí mesma coma polo oficio a el vencellado.
A súa función era a de transformar pedras calcáreas en cal vivo para a súa comercialización e uso dende 1936 ata os anos 60 do século XX. E sabedes de onde viñan estas rochas?
Eran traídas en barco dende Cantabria, o que facía que os custos de transporte fosen máis asumibles ca se viñesen por terra
.
Un peirao foi construído a propósito para a súa descarga que se levaba a man polos propios traballadores da empresa.
As rochas metíanse no forno e unha vez cheo calcinábanse e despois comercializábanse. Este proceso duraba días nos que o lume tiña que estar sempre acendido. Unha vez finalizado, deixábanse enfriar as rochas, descargábase o forno e distribuíase o cal.
O cal foi moi empregado décadas atrás sobre todo na construcción, como morteiro ou elemento de enlucido para encintado ou esgrafiado de fachadas (moi típico na Ribeira Sacra). Tamén se empregaba relacionado a áreas como a medicina, a veterinaria, o saneado de árbores, o equilibrado da acidez do chan, como fertilizante ou conservante e aditivo na industria alimentaria entre outros.





