No concello de Covelo podemos visitar este lagar para entender o oficio artesanal que aquí se levaba a cabo. Alberga unha trabe dun sete metros na que se enrosca nun dos seus extremos o fuso e o peso de granito de 1200kg aproximadamente para levar a cabo o prensado.
No extremo oposto da trabe está o taco de prensar, cunha cavidade onde se introducía o chapuzo. No taco vertíase a cera fundida con auga que escorregaba por uns buracos ata tres pías colocadas debaixo. A procedencia da cera era dos panais ou favos das abellas e a auga era suministrada por unha levada.
Ao carón do taco atopamos a caldeira que fundía a cera mesturada coa auga nunha ola de cobre. Contra as paredes hai tres pías de pedra empregadas para arrefriar a cera que se solidificaba formando grandes bloques.
Esta tiña unha tonalidade amarela proporcionada polo pole das abellas. Pero como a branca era máis valorada, levábase a cabo un proceso de branqueo no que primeiro se fundía a cera amarela e se sacaban pequenas lascas que se colocaban tendidas nos curadoiros ou eiras de cera ao sol durante varios días para que clarexara. Logo voltaba a fundirse e converterse en bloques.
En Covelo consérvanse oito curadoiros pero só na parroquia da Lamosa chegou a haber vinte casas con curadoiro e pías para branquear.
O lagar de Paraños e o da Lamosa, tamén en Covelo, son os únicos tradicionais que se conservan en toda a comarca e a súa contorna, estando o primeiro aberto ao público e contando con todas as explicacións precisas para entender o proceso. Atópase dentro do roteiro do río Xabriña, por se queredes aproveitar a visita ao máximo 





