O Porto de Cereixo. Concello de Vimianzo

No fondo da ría de Camariñas, fundíndose coa desembocadura do río Grande, comeza a chamada Ría do Porto, pequeno estuario navegable na preamar ata Porto de Cereixo, que funcionou durante séculos como peirao de mercadorías.
Pero alén diso, conta cun conxunto histórico e etnográfico dun incalculable valor.
Por unha parte a Igrexa de Santiago, unha xoia que sufriu unha importante remodelación para poder manterse en pé nos anos oitenta. E o que máis sorprende da mesma, é a representación, primeira e única no románico galego, no tímpano da súa porta sur. Nesta podemos ver unha imaxe do traslado dos restos do Apóstolo Santiago nunha barca, acompañados de sete personaxes máis, sendo o do centro o de maior tamaño e o resto soamente cabezas.
Ademáis conta co terceiro muíño de mareas máis antigo de Galicia, datado do século XVII, tamén chamado Muíño das Torres ou de Arcea. Contaba cun sistema combinado que aproveitaba tanto a auga do río coma a oscilación da marea.
Villa Purificación, en mans privadas e de finais do século XVIII, foi casa grande onde se cobraban os foros da zona, as máis das veces pagadas en forma de cereal. De ahí a necesidade de contar cun dos hórreos máis grandes da Costa da Morte con 26,40 metros de lonxitude e 38 pés. Un fermoso pombal, situado nos seus terreos e reconvertido hoxe en adega, puido dar acubillo no seu día a máis de 500 aves.
E para finalizar as Torres de Cereixo, un dos pazos máis impoñentes da Costa da Morte, datado do século XVI.
Como veredes, merece máis ca unha visitiña rápida. A etapa 6 do Camiño dos Faros pasa por este fermoso lugar, por se queredes ampliar un pouco o percorrido 🏃🏻‍♀️🏃‍♂️.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *