Este termo provén do vocablo celta Samhain, que en etimoloxía gaélica significa “fin do verán” e que marca tamén a fin das colleitas. O calendario celta dividía o ano en dúas metades, a escura e a clara.
A escura era a que daba comezo a noite do 31 de outubro para o 1 de novembro, a noite de Samaín, e simbolizaba o novo ano. Tamén era para eles un momento no que a fronteira entre o mundo terreal e o “máis alá” se estreitaba sendo máis doado transitar entre o mundo dos vivos e o dos mortos.
E a clara iniciábase na noite de Walpurgis, coa festa de Beltane, entre o 30 de abril e o 1 de maio.
Na noite de Samaín, eran os druídas os encargados de honrar aos ancestros a través de numerosos ritos así como espantar aos malos espíritus.
















