E se onte vos deixaba coa extracción de ferro en Vilaoudriz e o seu transporte cara Ribadeo, hoxe comezamos falando sobre a necesidade dun medio de comunicación entre ambos lugares. E de ahí a orixe da vía férrea que fixo posible a súa unión mediante o tren mineiro posto en funcionamento no ano 1903, dando servizo a pasaxeiros tamén tan só dous anos máis tarde. A partir do 18 de abril do 1903, primeiro día no que se percorre toda a liña coa carga completa (máis de 33km cun desnivel salvado de 40 metros), comezaron a circular con regularidade varios trens ao día. No ano 1905 transportábanse unha media diaria de case 10000kg de mineral.
Así chegaba este mineral ao punto chamado Porto Estreito, en Ribadeo. Este cargadoiro estivo en funcionamento dende 1904 ata o peche da liña no ano 1964, aínda que con momentos baixos como a Primeira Guerra Mundial, a competencia de autobuses e camións e o trazado da liña Ferrol- Gijón que influíron negativamente na súa viabilidade. Esta infraestructura, rodeada de almacéns, terminais férreas e oficinas, permitía descargar directamente o mineral nos vapores que o transportaban ata o País Vasco e Inglaterra principalmente.











