Os Pendellos de Agolada. Concello de Agolada

Aínda que foi declarado Conxunto Histórico- Artístico no ano 1985, este mercado popular foi dende o século XVIII un importante punto de encontro para artesáns, comerciantes e viaxeiros de toda Galicia e terras colindantes. As feiras de artesanía e gando tiveron un papel fundamental no desenvolvemento das pequenas aldeas e cidades galegas.
As súas construccións de pedra ofrecían o lugar ideal para resgardarse, mercar e vender nunha feira que tradicionalmente tiña lugar o día 12 de cada mes. Cun gran valor arquitectónico tradicional e etnográfico, é dos poucos de toda Europa que chegou “case intacto” ata os nosos días, sendo aínda empregado na actualidade para a exposición de traballos de artesanía, festas populares e actos culturais.
Conta tamén cunha capela, a Capela das Virtudes, que din que foi trasladada aquí dende un meandro do río Ferreiroa, xa que, ao estar asentada nun terreo brañento, era impracticable na época das choivas. Foi o primeiro templo de Agolada e nel houbo culto ata 1960.
Paga a pena achegarse a visitar o conxunto e imaxinarse como sería un día de mercado aló dous séculos atrás 😍.
E por se a imaxinación se queda curta, os días 5, 6 e 7 de xullo terá lugar aló o encontro de 36 expositores de Artesanía de Galicia, 32 expositores de produtos Gourmet, artesanía no prato, demostracións en vivo, música, formación especializada e talleres abertos para todos os públicos 🥳🥳🥳.
Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *