Os “Pobos Promiscuos”. Portugal

Aínda fai pouco tempo, a conta do Camiño Privilexiado que unía Tourém co Couto Mixto (ubicado entre España e Portugal), vos falaba sobre este máis que curioso territorio que gozou de innumerables privilexios dende o século XII ata finais do XIX polo feito de considerarse a todos os efectos independente.
Pois este non era o único caso “fronteirizo” chamativo, senón que tamén temos o exemplo dos pobos promiscuos, que eran un conxunto de tres poboacións que medraron literalmente sobre a fronteira entre España e Portugal, podendo chegar a ter a mesma vivenda habitacións cara un país e cara o outro, co cal xa vos podedes imaxinar a de pintorescas situacións que podían ter lugar. Un auténtico paraíso para os contrabandistas que, ao verse perseguidos polas autoridades dun determinado país, pouco traballo levaban para cruzar ao país veciño, sen ter que saír tan sequera da propia casa nalgunhas ocasións!
Púxose fin a esta situación, ao igual ca no caso do Couto Mixto, co Tratado de Lisboa de 1864, no cal España quedou coas terras do Couto Mixto e Portugal cos pobos promiscuos, pertencentes ao concello de Montalegre hoxe en día.
Como cada un deles ten as súas propias peculiaridades e patrimonio, dignos de ser protagonistas dunha entrada propia, nos vindeiros días falareivos máis pormenorizadamente dos mesmos. Hoxe tiven o pracer de visitalos e tamén de falar coas súas xentes que, para a miña sorpresa, sabían perfectamente por onde a fronteira dividía a aldea despois de tantos anos!
A fronteira entre Galicia e Portugal sempre espertou en min unha gran curiosidade, foi motivo de reflexión en moitas ocasións e nunca deixará de sorprenderme!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *