Parque da Canuda. Illa e Ponte de Fillaboa. Río Tea. Camiño de Taverneiro. Etapa 1: de Salvaterra a Ponteareas.

O outro día xa vos amosei algúns dos tesouros que garda esta etapa xa na súa saída e hoxe volto á carga con máis! Ao carón da fortaleza de Salvaterra, podemos atopar o parque máis grande de toda Galicia, o da Canuda, con nada menos que 200.000 metros cadrados con todo o que vos poidades imaxinar. Visita pormenorizada máis que obrigatoria.
E continuando pola beira do Miño, podemos ver a Illa de Fillaboa. Lembrades que vos falei do Tratado de Lisboa de 1864 na publicación do Couto Mixto e tamén na dos pobos promiscuos? Pois digamos que esta Illa non escapou tampouco á controversia no reparto fronteirizo, quedando finalmente baixo a bandeira española.
E deixando o Miño a un lado para continuar ao carón do Tea veremos a Ponte de Fillaboa, que forma parte do camiño real que percorre a comarca. Aínda que houbo un paso de época romana, foi no século XV cando se reconstrúe dando lugar á estrutura actual, sendo sobre o mesmo empedrado daquela época por onde camiñamos hoxe.
E xa referente ao propio río Tea, podo dicir que descubrín un sistema para a pesca de lamprea do que non escoitara falar nunca. Ao longo desta etapa veredes moitos postos con ese fin mentras desfrutades da transparencia das súas augas.
E para a próxima… Ponte das Partidas, cruceiros, petos de ánimas e Igrexa de Angoares!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *