O percurso que aquí vos propoño ten unha lonxitude de 6 quilómetros, é dicir, 12 quilómetros ida e volta, xa que é lineal. Ten o seu comezo na ponte romana de Vizela e, a través de pasarelas de madeira, lévanos polo pintoresco parque das termas, varias áreas de lecer e merendeiros, algún que outro muíño e até unha fervenza no punto final.
Durante o noso percorrido desfrutaremos de paisaxes variopintas que unen o urbano co rural, sempre na compañía de tranquilas augas. O roteiro non presenta dificultade algunha e está perfectamente sinalizado. E como guinda deste pastel, podedes facer uso das augas termais a vosa volta, xa que no propio parque das termas hai dúas bañeiras para uso público.
Espero que vos guste! 

