E se onte vos falaba do museo que alberga este pazo ubicado no concello de Lalín, hoxe vouvos falar da súa historia, que non é pouca. A construcción orixinaria do edificio é do século XVI aínda que a estructura, tal e como a coñecemos, data do século XVII, sendo promovida pola familia Taboada. Esta familia foi a propietaria do Pazo durante case catro séculos ata que (preparádevos) o perdeu nunha partida de cartas na primeira metade do século XX
. Se iso non é apostar forte xa me diredes!
Neste pazo naceu en 1895 o aviador Joaquín Loriga Taboada e durante o século XIX e comezos do XX tamén foi lugar de reunión de persoeiros e intelectuais galegos coma Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo e Emilia Pardo Bazán, quen o bautizou como “Palacio del Recuerdo”.
Como típico pazo galego, alén dos seus 800 metros construídos, posúe unha capela e un pombal, e as súas paredes están decoradas cos escudos e brasóns dos seus propietarios. No ano 2002 foi adquirido polo concello de Lalín e no 2009 foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.
Déixovos unhas fotos do pazo actualmente e tamén do estado no que estaba antes de proceder a súa rehabilitación. Para min, o máis sorprendente, a súa maxestuosa lareira e a chave orixinal do pazo, que xa vos aviso que non serve para gardar en calquera peto! 
Lembrade que o seu horario de apertura é de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas, excepto os días 4 de marzo, 17 e 18 de abril e 1 de maio que permanecerá pechado. O custo por entrada é de tres euros, moi ben invertidos.

