No concello de Lalín atopamos este pazo que alberga no seu interior un interesante museo tanto para os máis cativos coma para os máis maiores. E é que os xoguetes están concibidos para xogar, divertirse e deixar voar a nosa imaxinación a todas as idades. Estes acompañáronnos ao longo da historia e son un reflexo da realidade cultural á que pertencen.
Os primeiros xoguetes eran sinxelos e acostumaban ser de materiais coma a pedra, barro, madeira ou óso, incorporándose posteriormente o vidro e a tela. Xa no século XVIII, coa Revolución Industrial, apareceron novos materiais coma a folla de lata, o que permitiu crear xoguetes de maior complexidade, en serie e con menor custo.
Pero o cambio máis transcendental tivo lugar no século XX coa aparición do plástico, que permitiu aumentar a producción, abaratar os prezos e que os xoguetes fosen accesibles a todas as clases sociais. De tódolos xeitos, teño que dicir que calquera obxecto, coa axuda da imaxinación, se pode tornan un deles. Xa o dixo Charles Chaplin, que cando se queixaba a seu pai de que non tiña xoguetes, el respondíalle sinalándolle á fronte que ese era o mellor xoguete.
Será noutra entrada na que vos fale da orixe e historia do pazo, que tampouco ten desperdicio, pero hoxe convídovos a desfrutar destas imaxes e facer unha viaxe ao pasado na búsqueda do voso xoguete favorito. Obviamente, estarei encantada se desexades compartilo comigo!
O horario de apertura do museo é de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas, excepto os días 4 de marzo, 17 e 18 de abril e 1 de maio que permanecerá pechado. O custo por entrada é de tres euros, moi ben invertidos.

