Como ben dixo Emilia Pardo Bazán, e non lle faltaba razón nas súas palabras, “hai moitos Pazos… o Faramello é único”.
Este Pazo de comezos do século XVIII foi mandado levantar polo Marqués de Piombino, de orixe xenovés, quen na súa peregrinación a Santiago, se namorou dunha compostelana. De ahí o estilo barroco compostelano civil do mesmo con marcadas influencias italianas. Este é o derradeiro Pazo atravesado polo Camiño de Santiago portugués antes de chegar á capital.
A diferenza de outros, a súa orixe é industrial, xa que se fundou a partir da Real Fábrica de Papel do Faramello, de 1710, pioneira na industria galega por máis de dous séculos e da cal aínda conserva os seus antigos muíños. Tamén albergou o arsenal contra as tropas francesas nas revoltas de 1808 e foi referencia de varios escritores galegos e residencia estival do rei Afonso XIII e do Infante D.Luís de Baviera.
Como curiosidade, direivos que o Señor do Faramello ostenta o privilexio de poder entrar na Catedral de Santiago a cabalo, dereito outorgado por Privilexio Real en 1815, aínda que asegura que non está interesado en levalo a cabo! 
As visitas son guiadas e levadas a cabo por alguén que tivo contacto co Pazo dende ben cativa e que conta con gran paixón a súa historia. Pode visitarse o exterior e o interior do mesmo, excepto as habitacións, e o custo actualmente é de doce euros por persoa.
Aínda que vos din catro pinceladas breves, asegúrovos que este Pazo ten moito máis que dicir e que paga a pena a súa visita. O Marqués de Piombino namorouse dunha compostelana e eu namoreime do seu Pazo! 

