Aínda que a miña derradeira visita a este Conxunto Histórico Artístico, único no rural galego, foi durante a execución da Senda do Arenteiro PR-G 79, xa foron moitas as veces que aló estiven e, de cada vez, descubro algún pequeno detalle no que non reparara aínda.
A existencia desta vila aparece xa documentada no ano 1158 baixo o nome de Palacios de Argentario, que ben lle puido vir dado pola prata que se extraeu das augas do río Arenteiro. Xa vedes que historia non lle falta!
Pero o seu verdadeiro esplendor chegou no século XII grazas á Orde do Santo Sepulcro, en 1542 pola Encomenda de San Xoán de Xerusalén, dinamizadora da vida socioeconómica e, xa no século XVI, debido ao comercio do seu viño, outro impulsor da economía da zona e do cambio no seu urbanismo.
Todos estes factores posibilitaron as maravillas da nosa arquitectura tradicional que, aínda a día hoxe se conservan en bo estado, reflexadas nalgunhas das súas casas señoriais e os seus pazos. Conta tamén con dúas pontes de orixe medieval e a Igrexa románica de San Salvador dos Pazos de Arenteiro do século XII.
É imprescindible percorrer cada rúa do pobo e deixar voar a nosa imaxinación tentando adiviñar como sería o día a día aló moitos anos atrás. Tamén achegarse ata as súas pontes e muíños e, se vos apetece camiñar un pouquiño máis, ir ata o Pozo dos Fumes ou adentrarnos na foresta ata a aldea abandonada de Viñoá.




















