A Pedra dos Namorados, sita a beira da auga, é un promontorio rochoso cuberto de inscricións románticas labradas no mesmo penedo, e que cada vez se van estendendo máis polos penedos adxacentes. Entre elas destaca a do ilustre xeólogo local Isidro Parga Pondal de 191?; o derradeiro número non se aprecia con claridade.
E xusto á dereita deste penedo tan visitado, a Furna da Espuma, un auténtico espectáculo da natureza na que nos días de mar embravecido se acumula unha gran cantidade de escuma.
Tamén a pouca distancia a coñecida Praia dos Cristais, famosa polo colorido das súas “pedriñas” que vén dado debido ao seu uso no pasado como vertedoiro de vidro. Pero vese que o mar non é rancoroso e respondeu dándolles unha praia con area de cores.
Pódese chegar en coche ata moi preto do sitio e se o que queremos é camiñar hai un sendeiro que forma parte do roteiro dos faros e que podemos seguir cara un lado ou outro pola beira da auga.
Deixo para outra entrada a etapa 4 do Camiño dos Faros que vai dende Laxe a Arou e é a que pasa por aquí. Pero como adianto direivos que é realmente espectacular. Das miñas rutas favoritas de Galicia 
Espero que vos gusten estes sitios! 











