Penas de Rodas. Concello de Outeiro de Rei

Este conxunto está ubicado no monte de A Cruz de Paraños, na parroquia de Gaioso. Dentro dos numerosos penedos, destacan especialmente dous xigantescos bolos graníticos situados sobre unha base tamén granítica.
É considerado un lugar de elevado valor simbólico e de carácter sagrado que tamén está rodeado por petroglifos, mámoas, castros e xacementos romanos.
E como non ía ser menos en Galicia, tamén hai unhas cantas lendas referentes a este lugar. Polo visto, entre as máis coñecidas, unha que afirma que unha destas grandes penas está chea de ouro, que será para aquel que consiga rompela, e a outra chea de alquitrán, que anegaría a zona en caso de romperse. Tal vez por iso continúen intactas, ou tal vez por falta de forza 🤣.
Outra lenda di que os dous penedos son o resultado da fragmentación dun único que, ao romper, derramou alquitrán petrificando aos habitantes da zona, corpos dos cales restan nos penedos veciños.
Tamén se asegura que cada pena contén no seu interior un segredo conxurado polos druídas, que introduciron nas mesmas unha gran forza e poder co cal, se se abriran, provocarían unha grande metamorfose no mundo.
No solpor dos primeiros días de verán e no amencer dos de inverno, o sol forma un foco de luz dourada que penetra entre ambas penas. Por iso conta outra lenda que, se nun solpor dos días máis curtos do ano depositas sobre un altar que hai diante unha ofrenda de flores, froitas e cunchas de mar, na honra dos deuses, e deixas que a luz te alcance, serás aceptado e bendecido por eles.
Son outros os que din que os penedos foron colocados polo diaño para rirse de aqueles que tentaran movelos. Como vedes, hai para todos os gustos!
O que é ben certo, é que o lugar engaiola pola súa beleza, maxestuosidade e calma. Hai un merendeiro no que podedes disfrutar dunha comidiña con estas magníficas vistas e tamén un roteiro pola zona do que vos falarei máis adiante!
O domingo anterior ao 12 de agosto, ten lugar aquí unha concurrida romaría na que música, danza e artesanía son protagonistas ❤️.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *