Con 530 metros de altitude, o Pico Sacro ofrécenos unhas das vistas panorámicas con maior extensión de Galicia.
Cara o noroeste veremos as torres da Catedral de Santiago, o Monte Gaiás e a Cidade da Cultura. Cara o norte, o concello de Ordes e na liña do horizonte os cumios da serra de Montemaior. Cara o nordés, as terras de Arzúa, Melide e Palas de Rei, por onde pasa o camiño francés, e por detrás a serra do Bocelo. Cara o leste e sur, o Val do Ulla. E máis ao lonxe podemos chegar a ver as terras do Deza, as serras do Careón, O Faro e O Farelo ao fondo. Polo sudoeste, o concello da Estrada e a Terra de Montes cos cumios da Serra do Candán.
Debaixo do Pico Sacro está a Capela de San Sebastián, datada do século XI. Os seus devotos acoden a este santo para curar enfermidades de ósos, especialmente das pernas.
Para chegar ao alto atravesaremos a rúa da raíña Lupa, que é como se coñece á fenda que divide o cumio. E baixando un pouco, tamén podemos ver a entrada ás covas do Pico Sacro, que son unhas das máis grandes que se coñecen en seixo.
E por último pero non menos importante, a existencia dun castelo do que xa non queda nada pero que valeu para controlar e protexer as mercadorías que transitaban entre Ourense e Santiago en tempos de guerra.
Como podedes ver, é a mestura perfecta para a morea de mitos e lendas que sobre este fermoso lugar pesan.
Pódese acceder practicamente en coche ata o lugar ou tamén a través dun roteiro circular que deixarei para outro día.











