Este sendeiro lineal de pouco máis de 15km pode comezarse ou ben dende a aldea de Correchouso ou ben dende un aparcadoiro habilitado preto da aldea de Toro.
Debe o seu nome ao enxeñeiro que a concebiu, Augusto Marroquín, como unha vía lateral ao ferrocarril para permitir a construcción de túneles, levar o material para as obras e evacuar aos mortos ou feridos a causa das perforacións dos túneles.
Construíuse entre 1927 e 1940 sendo unha importante obra de enxeñaría para a época. No ano 1862 decídese unir o Porto de Vigo coa meseta proxectándose un trazado dende o porto ata Medina do Campo. Comeza a obra deixándose para o final os tramos de maior dificultade, entre eles o de Ourense a Zamora, ao ter que horadar a Serra de San Mamede e argumentando tamén a falta de poboación da zona. Sesenta e cinco anos despois do proxecto inicial anúnciase que se retomará a obra.
Dos 150km que separan Sanabria de Ourense, o 40% serían baixo terra contando con 80 túneles construídos a pico e pá, algúns deles de máis de 6km.
O camiño está ben sinalizado e limpo na súa totalidade. Non conta cunha gran dificultade nin desnivel importante e as vistas que nos acompañan amenizan cada metro do sendeiro.









