Durante a miña aventura a través da Gran Ruta Transfronteiriza Gerês-Xurés, faleivos do encoro de As Conchas, do patrimonio que está sumerxido baixo as súas augas e tamén do que aínda podemos desfrutar na súa beira. Pois ben, hoxe vouvos falar do seu poboado porque, como na construcción de moitas outras estructuras similares, contou cun lugar propio e feito a propósito para acoller aos responsables e traballadores da presa.
Pertencente ao concello de Lobeira, estas edificacións hoxe en día abandonadas a súa sorte, foron levantadas a mediados do século pasado pola eléctrica Fenosa. Entre elas non só atopamos vivendas unifamiliares e adosados, senón tamén unha escola, unha capela, unha zona de asistencia sanitaria, un casino e un economato. É unha mágoa o seu estado actual e que non se lle dea un novo uso a todas estas construccións.
Moi preto deste poboado, podedes ver, dende a distancia, a fervenza de Grou formada polas augas do río Limia, así coma un dos seus fermosos meandros.

