Probablemente moitos de vós xa coñezades esta xoia enclavada na Ribeira Sacra pero… e o que a rodea? Obviamente é unha visita máis que obrigatoria a propia aldea en sí, na que aínda podemos ver o que resta da antiga casa do médico ou da casa de audiencias. Tamén os múltiples sequeiros presentes no gran souto circundante.
Pero, cantos reparastes no acueducto que levaba a auga até o mosteiro? Se colledes un camiño cara a dereita deste, dende a parte alta do mesmo, podedes percorrer un pequeno tramo coincidente coa ruta da amargura, que xa vos describín en ocasións anteriores, e que vos levará a coñecer o antigo acueducto. Ollo, camiñaredes sobre o mesmo e se non botades a vista atrás pasaravos totalmente desapercibido! Un pouquiño máis adiante atoparedes tamén un pequeno conxunto de muíños, algún sequeiro e a fervenza de Gondrei. Todo isto en pouco máis de 2 quilómetros se o facedes de xeito circular dende a zona de estacionamento.
Déixovos o meu track no Wikiloc para que non haxa perda posible e unhas fotiños para poñervos os dentes longos! Espero que vos gusten!

