Polos muíños de Baredo, a Serra da Groba e Cabo Silleiro. Galicia.

Hoxe véñovos cun roteiro circular duns 14 quilómetros de lonxitude e moi pretiño da costa. Encanto non lle falta, xa veredes! Entre os seus principais atractivos atoparemos os muíños de Baredo, antigas fontes e lavadoiros, miradoiros coma o de Oia ou o de Cabo Silleiro, as ruínas das antigas bases militares de Cabo Silleiro e o actual faro co mesmo nome, que veu a substituír un anterior de 1862.
Os camiños alternan tramos de pistas entre eucaliptos, asfalto, estreitos sendeiros entre curiosas formacións rochosas e comparten parte do seu trazado coa senda fluvial do río Fraga e tamén co camiño de Santiago pola costa.
Perfectamente limpo, carece de sinalización algunha para este percorrido co cal, unha vez máis, podedes consultar o meu track de ruta no Wikiloc. A primeira parte é maioritariamente de subida e ollo nos días de moita calor pois conta con varios tramos descubertos. Aproveitade para refrescarvos na fonte dos mortos! A partir da metade é moi levadeira. Tamén vos direi que coas fermosas vistas que ofrece en practicamente a súa totalidade nin notaredes a pequena dificultade que poda ter.
Ahí vos quedan unhas fotiños á espera de que vos gusten!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *