Ponte de Lima. Portugal

Xa fai case un ano que vos fixen unha entrada propia sobre o curso do río Limia, con unhas fotos dalgúns puntos polos que pasaba. Pois ben, faltaba nesa publicación falar desta fermosa vila que recibe o seu nome das augas do mesmo así coma da espectacular ponte que as atravesa.
E como curiosidade, hai que dicir que na realidade esta ponte está formada a súa vez por dúas diferentes. Unha de orixe romana, datada do século I e que pertencía á Vía XIX que unía Braga con Astorga. E outra parte medieval de maior dimensión, que vai dende a marxe esquerda do río ata a Igrexa de Santo António da Torre Velha, á cal sobrepasa en dous arcos aínda.
O río Limia, Lima en Portugal, tamén é coñecido como o río do esquecemento, xa que na época romana pensaban que quen cruzara este río (río Lethes por aquel entón) perdería a memoria. Foi Décimo Xuño Bruto quen ao atravesalo chamou polo nome aos seus soldados para facerlles saber que iso non era máis ca unha lenda.
En Xinzo de Limia, Galicia, celébrase cada ano a Festa do Esquecemento en relación con este feito. E falando de “celebracións”, tamén descubrín na miña parada en Ponte de Lima que ten lugar aló unha festa moi semellante á do boi de Allariz, Galicia. Alí é coñecida coma “a vaca das cordas”.
Ahí vos quedan unhas fotiños da nosa expedición á espera de que vos gusten! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *