Esta ponte románica de transición, de principios do século XIII, formaba parte dun camiño medieval que comunicaba Tui coas poboacións costeiras e outros enclaves relixiosos administrativos de importancia coma Baiona e Oia. A día de hoxe, pódese apreciar a súa beleza no camiño de Santiago portugués pola costa, no tramo de Mougás a Ramallosa.
A ponte conta con dez arcos de medio punto, un duplo sistema de tallamares para facer fronte á forza da auga e ás mareas, e un cruceiro na metade do mesmo que presenta sobre un pedestal con molduras un retablo con tres ánimas no inferno. Enriba, a figura de San Telmo, con hábito de dominico e cirio, patrón dos navegantes e quen polo visto tivo algo que ver coa construcción desta ponte. E para finalizar, unha cruz lisa no alto.
Nesta ponte, como en outras de certa antigüidade e con cruceiros, levávanse a cabo rituais de fecundidade dos coñecidos como “bautismo anticipado”. A muller con dificultades para quedar embarazada, ou para levar o embarazo a bo fin, ía á ponte pouco antes de medianoite acompañada de dúas persoas e con comida e bebida coma se se fose celebrar un bautizo normal.
A muller esperaba no centro da ponte ata que aparecese a primeira persoa e pedíalle que vertera auga do río sobre o seu ventre. E rematado este “bautizo anticipado” daba comezo a celebración e festa. Ao remate da mesma, voltaban á ponte e tiraban dende ela todo o que sobrara á auga a modo de pago polos poderes máxicos do río. E ollo, que o que vertera a auga sobre o ventre debía ser o padriño ou madriña oficial da criatura unha vez nacese!






