Esta etapa, ao igual que a anterior, xa nos amosa moitos puntos de interese nada máis comezar, como a Igrexa de San Miguel e o cruceiro situado a súa beira. Como curiosidade, dicir que o cruceiro se atopa sobre uns penedos procedentes da praia da Lanzada, e que a figura que ten sen cabeza agora mesmo a un lado era a dun peregrino.
Continuaremos polo seu casco antigo ata dar xa ao carón do río Tea coa Capela de San Roque, que non sempre estivo adicada a él, e coa Ponte dos Remedios na que, ao igual que na da Ramallosa e na de Fillaboa (Salvaterra de Miño), se levaban a cabo rituais de fecundidade coñecidos como “bautismo anticipado”.
Nestes rituais, a muller con dificultades para quedar embarazada ou para levar o embarazo a bo fin, ía á ponte pouco antes de medianoite, acompañada de dúas persoas e con comida e bebida coma se se fose celebrar un bautizo normal. Esta esperaba no centro da ponte ata que aparecese a primeira persoa e pedíalle que vertera auga do río sobre o seu ventre. E rematado este “bautizo anticipado” daba comezo a celebración e a festa. Ao remate da mesma, voltaban á ponte e tiraban dende ela todo o que sobrara á auga a modo de pago polos poderes máxicos do río. E ollo, que o que vertera a auga sobre o ventre debía ser o padriño ou madriña oficial da criatura unha vez nacese!
Alén disto, tamén formaba parte dunha das calzadas romanas que unían Asturica Augusta con Bracara Augusta. E xa na saída da vila, a Capela dos Remedios e a Fonte da Fama, obra do Mestre Cerviño e desprazada do seu emprazamento orixinal por mor dun accidente de tráfico no pasado.

