Circular e con pouco máis de 10 quilómetros de lonxitude, esta ruta engaiola coas maravillosas vistas que ofrece dende o miradoiro de Porto d´Olho, a aldea máis pequena de Cabeceiras de Basto, pero que queda claro que paga a pena visitar. Xa vos falara deste lugar no Trilho da Levada da Víbora e dos Moinhos de Rei, de 10 quilómetros tamén e que poderíamos combinar en caso de querer facer unha maior tirada.
A fermosa aldea de Torrinheiras, ancorada no tempo, camiños e corredoiras antigas, vaquiñas pastando tranquilamente e unhas fermosas panorámicas serán outros atractivos que fai deste roteiro un imprescindible. Por non falar dos adorables guías peludos que vos acompañarán sen dubidalo!
Os peros? Dende Porto d´Olho até Torrinheiras o camiño conta con bastante tramo de abundante vexetación. De momento aínda se pasa e case puntúa coma un adestramento de perna dobre, porque require ir pegadiño ao chan pero… como non lle acudan pronto non sei eu. A sinalización é defectuosa nalgún punto moi concreto. Hai outro tramo ao pasar Torrinheiras que modifiquei no meu track para ir por un camiño máis aberto e con menos vexetación. Déixovolo ao voso alcance, coma sempre.
Recomendación extra: moi preto está a praia fluvial de Oural, lugar perfecto para unha comida ao aire libre e repoñer forzas despois da ruta!

